miércoles, 9 de mayo de 2018

Contos do Ghran Sol



“--¡Pero eu si que estuven, “broder”! –anunciou Suso--. Cando andaba ó espada.
--¡Bueno, bueno, bueno...! –Exclamou Carlos, case relambéndose--. ¿En que porto foi iso? ¿Non sería en Valvis?
--¡Alí mesmo!
--Xa, ó espada... ¿E desde cando van os barcos do espada a Valvis? ¡Aló namais que van barcos da merlusa! ¡Trampón!
--¿¡Como é !? ¿Trampón de que? ¡Me cagho na cona que te botou!... Pescabamos daquela en Chile e entramos en Valvis para faser víveres. ¿Váleche así? –defendeuse un encolerizado Suso.
--¿Que carallo iades entrar en Valvis, se Chile está no Pasífico, apampanao? ¡Valvis está no Atlántico!
--¡Non tal !
--¡Si tal !
--¿Logho, Chile non é o Atlántico?
--¡Non é, non!
--Pois nós pescabamos por Chile e máis por Dakar e Abellán e houbo un día que entramos en Valvis.
--Pero, vamos a ver, compañeiro... ¡Que barbarismos dis! –faloulle Carlos, armándose de paciencia--. Por aquelas terras, ¿a xente era branca ou era neghra?
--Era neghra toda.
--Pois, daquela, non estabades pescando en Chile, que estabades pescando en África.
--En Chile, logho, ¿non son neghros?




--En Chile non son neghros –contestoulle, deixando escapar un bufido--. Aquilo tiña que ser África.
--Pois sería... ¡Pero eu estuven en Valvis!
--Sempre pensei que eras un trampón e un mentireiro, pero aghora doume conta que o único que tes é inoransia.
--¡¡¡Pa chamarme a min inorante tiñas tempo, eh!!! –berrou irado o de Aguiño--. Non sei se aquilo era Atlántico ou Pasífico, se era Chile ou era A China ou a cona da Virxe... Pero o sitio no que eu desembarquín chamábano Valvis e había neghros coma a brosa.
--Non creo nada, pero bueno, dálle avante. Se namais que íades faser víveres... ¿como foi que acabaches na cadea?
--¡Iso si que tuvo ghrasia!  ¡Mi madriña do Carme! –contestoulle sen poder evitar unha gargallada--. De tres noites que botín en terra, unha pasina no cársere e outra pasina no hospital. ¡Mi madriña do Carme!
--¡Xa vai larghar unha das súas! –dixo Carlos, levándose as mans á cabeza.
--Namais cheghar, veu a bordo unha inspesión de neghros das aduanas pa faser o rexistro e, a pesar que truemos todo o prohibido pó sello, levantaron a colchoneta do meu catre e...
--¡Un quilo de farlopa! –berrou Carlos.
--¡Eu non tomo droghas, anormal!... Encontraronme a PLAY BOY.
--¿Vasme disir que te mandaron á cadea por unha revista de putas?




--Por unha revista... e outro calendario que tiña na carteira cunha porca en tetas. Alí todo iso do sexo está prohibidísimo. O Costa espicoteou en inghlés con eles para mirar se me deixaban, pero claro, como non lles arriou cartos... metéronme nunha furghoneta que tiña unha xaula na popa, como se fora Copito de Nieve, e leváronme con eles. Alí, na cadea –que eu pensín xa que me levaban pó soológhico--, incautáronme o material e paghín unha multa de sen dólares. Eu caghinme na virxe porque, á parte da multa, ata o día seghinte non puido vir o Costa a buscarme. Así pasín a primeira noite, preso, sen baixar nin sequera a terra.
--¿Pero non eras ti o que non nesesitaba das revistas? –continuou atacándoo Carlos--. ¿Non disías que eras todo imaxinasión?
--E é así. Case non miro pas fotos; o que me pon cachondo é a letra. Ler non fai mal a nadie... ¿ou fai?
--¡Miña xoia...! –exclamou Carlos simulando unha profunda compaixón--... O meniño taba aprendendo as letras cunha revista porno pa sacar o ghraduado escolare... ¡Que bo é! ¡Que ben nos enghana!
--¿E dispois de explicárllelo ós polisías, non chas devolveron, Llou? –preguntou Lito, abrindo outra liña na fronte de batalla.
--¡Pero deixade rematar ó chaval! --Protestou Selo--. Ides faser que marche pó camarote e acabouse a diversión. ¿E a noite do hospital como foi?




--Esa foi a noite dispois de que me deixaran libre. ¡Mi madriña do Carme! ¡Menuda collemos! Fomos a dar un raite pola siudá e acabamos no XANADÚ, unha discoteca que non está lonxe do porto... ¡Mi madriña do Carme, que pelotaso collemos! Foi tal a que armamos que, ó pouco de entrar, non nos quixeron servir xa máis ghuisqui e, ás dúas horas, xa nos largharan dunha patada no cu pa fóra. Aínda así, borrachiños como estabamos, nós erre que erre que queriamos beber máis e máis; un mirou un deses súperes que non pechan en toda a noite... e alí fomos comprar un par de botellas. Alcohol non se miraba, alcohol do bo, refírome: ghuisqui, vodka, xinebra... diso nada. O único que había era desa bebeduría fedorenta de licor de coco: o MALIBÚ. ¡Hostias! A min non me laiquea, pero non habendo outra cousa... ¡Mi madriña do Carme! Empesamos a pifar seghido da botella a morro; un pasáballa ó outro... e ata había un que disía que taba bo e todo. ¡Mira como estaríamos! !Que pámpanos! Pero eu notinlle un aquel raro, quedábache un sabor na boca así... Non sei. E arriaba un cheiro. Cando me chegha de novo a botella, branquiña toda ela, coas súas palmeiriñas na etiqueta e todo, e a miro ben de serca pa ler as letras... ¡Mi madriña do Carme!... ¡Champú de coco! Fóisenos a borrachera de inmediato, paramos un taxi e saímos ghaseados pó hospital. ¡Toda a noite botín alí cheíño de tuberías, faséndome lavados! ¡Mecaghiná! ¡Que mal o pasín!”

Barros, Jacobo: “Os ausentes de Casteltón”

No hay comentarios: