martes, 28 de febrero de 2017

Se eu fose crego


“Fai poucos días topei con certo suxeito que, se hai homes no mundo que merezan a desgracia de ser cregos, el era un deles.
Se non fora porque xa é algo vellote, inda valía a pena que gastase uns cantos xamóns en facerse.
Dicíame el para demostrarme que servía para o oficio:

--Non hai un sequera que saiba vivir honradamente, isto é, sen que teña que andar na boca de todo o mundo. Coidan que con comer ben, ter diñeiro bastante e non deixar en paz á muller de ningún veciño, que xa todo está arranxado. Máis equivócanse moito, pois si verdade é que levan boa vida, non é menos certo que pouco a pouco van botando a perder o oficio.



--E entón, ¿como habían de facer para vivir? ¿Non cobrar un carto a ninguén?
--Home, iso non, porque desa maneira ¡adeus negocio! O chiste está en limparlle ben a bulsa ós fregueses sen que eles mesmos se dean conta e sen deshonrar o oficio.
--Pois que me leve o demo si lle vexo saída a iso que me vas contando.
--Vas verlla agora. Eu había de chimpar cada domingo un sermón, máis un deses sermóns que poñen os cabelos de pé ó máis valente. Nunca había de tratar máis que do inferno, pois é o que ten producido moitos miles de pesos neste mundo. Olla que non hai fábrica que tanto diñeiro teña dado.
--Boeno, ¿e que habías de dicir?


--Cala, que aí vai un sermón. “Queridos fregueses e freguesas: que inda eu estoupe, que aínda eu adoeza como os cans, se hai un entre vos todos que se teña lembrado de morrer. Traballades e comedes coma bestas, sen sequera vos acordar de que tedes un migallo dunha alma que pode arder nas caldeiras do inferno calquera día. ¡Ai, desgraciados labregos, burros de carga...! ¿Para que demo queredes esas veigas que con tanto cariño traballades? Pensar, desgraciados, pensar que tamén sodes de Dios como os cans e como a xente, e que algún día habedes de dar contas. ¿Vos sabedes como está feito o inferno...? ¡Que habedes de saber vos, larpeiros, que habedes de saber vos! Fogueiras de lume por aquí, fogueiras de lume por alí, fogueiras de lume por acolá; neste lado demos con ganchas moi longas; naquel outro, demos con ganchas tamén. E todos estes demos con cornos moi grandes na testa, ¡máis que cornos, fregueses, que cornos...! ¡Ai si souberades ben o que é o inferno! Por esta banda ven un demo cos dentes arregañados e botando lume polos ollos e espétavos un corno; por acolá ven outro demo correndo e botando lume e mállavos co rabo nos fociños; por estrouta banda ven outro demo coas ganchas e lévavos para as caldeiras. E alí non vale queixarvos nin ir dar parte ó xulgado como facedes aquí; alí hai que roelas e calar. E pois, ¿que coidades? ¿Que alí podedes ferrarlle cun sacho na testa a calquera como facedes aquí entre vos? Pois estades moi enganados.



E só vos queda un remedio. Vender canto tedes ata quedar sen camisa, que tampouco Cristo a tiña cando naceu e máis era un santo. E o diñeiro que de todo poidades facer, traéreno para a casa de Dios; máis non o empreguedes en catro zarapalladas como hábitos, pernas de cera e caixóns de defuntos, que todo iso non presta para nada e apodrece aí, na tribuna. Todo sirve, todo é bo para gañar o ceo; pero así e todo hai cousas que teñen preferencia, tales como xamóns, galiñas, carneiros, becerros, diñeiro para misas e xugadas de bois. Ovos non traiades que ó mellor saen chocos.”
E con este sermón tódolos domingos e días de festa, á volta de dous meses, era dono da parroquia.



Non, sermón que tanto medo me puxese, na miña vida cho ouvín. Cando comezaches a falar das fogueiras, dos demos e dos cornos, os cabelos puxéronseme de pé.
--Pois para que vexas. ¿A que tamén xa estabas capaz de darme algo?
--Estaba, por certo; capaz de darche con este sacho na testa.”

Rogelio Rivero: “Fungueirazos”

No hay comentarios: