miércoles, 23 de noviembre de 2011

FOZ

                                               O  NENO  E  O  MAR



"A ambulancia estaba silenciosa pero a luz vermella daba voltas e voltas e era como si estivera a soltar o seu oubeo agudo e longo. As gaivotas seguían a voar, pero ninguén reparaba nelas. Os voluntarios da Cruz Vermella subían a angarella cargada cun pequeno vulto cuberto cunha saba branca. Arrodean a ambulancia con caras serias homes, mulleres e moitos nenos. Máis atrás da rolda de xente dúas nenas choran sentadas nunha morea de caixas de peixe. O día segue a ser soleado aínda que corre un vento frío que varre o peirao. Pero a ninguén lle acorda o vento, todos miran calados para a ambulancia.




O mestre fala preocupado cos mozos da Cruz Vermella.


--Eu non os podo acompañar. Se puidese ía co neno, pero teño que quedar con estes –sinala para os rapaces silenciosos e de caras asustadas.

O Paxaro achégase moi serio coa bolsa de plástico que di “Calzados Paqui. Becerreá” e póusaa dentro da ambulancia de par da angarella.

Un mozo da Cruz Vermella colle a bolsa de plástico e devólvella ó neno.

--Queda ti con ela, que a el agora non lle fai falta.

--É a merenda –di o mestre ao da Cruz Vermella.

Un dos mozos pecha unha porta dun golpe, dun lado da camilla cae un braciño asomando unha manga dun xersei verde mollado e unha manciña. O mozo pecha a outra porta e vaise para o asento do copiloto.

 
 


A furgoneta rompe a oubear e os nenos e a xente apártanse. Arranca e vaise pola costa que leva do peirao ás casas. Todos miran nesa dirección. O Paxaro cos ollos moi abertos está comendo un bocadillo de chourizo que sacou da bolsa de plástico.


--Ai, Paxariño, meu Deus –di o mestre--, ¿e logo ti non podías vixiar ao teu amigo, Señor? Sempre estades xuntos e hoxe precisamente... Nun momento en que perdo a un de vista.

--Eu parei cos outros a mirar como cosía unha señora.

--¿Que fas, desgraciado? Cómeslle o bocadillo ao defuntiño. Desgraciado. Toma, carallo, toma.

Unha muller sácalle ao neno e apértao contra si dándolle as costas ao mestre.

--Non lle pegue, pobriño, non lle pegue. Póñase tranquilo, non lle pegue. Xa bastante desgracia hai. O pobre meniño xa vai alá.

 
 



O mestre saca un pano, pásao pola cara e frega os ollos con el. O Paxaro sóltase da muller e cóllese á chaqueta do mestre.


--El quería ver o mar –di o neno con rabia.

O mestre ponlle unha man na cabeza ao neo que chora agarrado a el e mira para o mar.

--Vaia desgracia tan grande. Quen me mandou a min traervos ver o mar. Tanta ilusión.

Os nenos fan rolda de arredor do mestre e o neno. A pequena Vanessa achégase a mirar como chora o Paxaro, contráeselle a cara e ponse ela tamén a chorar baixiño.

--Non vos disgustar, rapaces, que o voso compañeiriño vai no ceo –di unha das mulleres chorando--. Alí ha estar agardando por el o que todo o ve".

 
 
 


                 Suso de Toro:  "Tic-Tac"

No hay comentarios: