sábado, 7 de marzo de 2009

Mariñeiros de baixura

“Cando as privacións foron durante a nenez e os primeiros anos da pubertade a triste compaña de tódolos momentos dese primeiro tempo da miña vida, motivadas pola pobreza do meu fogar paterno, sufrida esta pobreza con admirable resignación polos autores dos meus días, sostidos por unha robusta e arraigada fe cristiá, consolo e bálsamo para soporta-las grandes probas, sobre todo na longa e crúa invernía, cando transcorrían meses sen lograr utilidade ningunha, ninguén se debe estrañar, nin atribuílo a ánimo de lucro, que me tivese entregado por completo, despois de coñecela, á admirable obra do senlleiro Saralegui, que trazou con man mestra o programa onde se achan os remedios para sanda-los grandes males da sufrida e rexa clase pescadora.

Aquelas lamentables lembranzas do meu humilde fogar, onde tantas e tantas veces teño visto chorar ós meus pobres pais a súa impotencia para mante-los seus fillos, non podendo lograr unha codela de pan no medio do ruxir do trebón e da azoutadora chuvia; aqueles longos e interminables días de traxedia, de pranto, de sufrimento, de resignación de esgotamento, todo aquilo que eu non sei, que non podo, que non acerto a explicar debidamente, tiña por necesidade que levar ó meu ánimo o amor pola grande e santa obra dos Pósitos Marítimos.

Cando recordo e contemplo as privacións da miña ruda profesión, aquelas molladuras de longas horas, aquela falta de descanso, aquel sono insufrible, aquel frío, aquela calor, aquelas inclemencias, aquela desorde nas comidas, aquelas horas de intenso, esgotador e insufrible traballo non comparable con nada, sobre todo cando por non pescar resultaba inútil; aquela continua loita, en pequenas e incómodas embarcacións, contra os embravecidos elementos; aquel constante e inminente perigo da vida; aquel tristísimo regreso ó fogar da aqueloutrada familia, cando non se pescaba, non atopando consolo en ninguén; aquelas verdadeiras traxedias que teño pasado, e que teñen pasado tódolos meus compañeiros de desgracia e de sufrimentos.”

José Costa Alonso. “Memorias da miña vida societaria”.

No hay comentarios: