martes, 10 de febrero de 2009

¿BIOGRAFÍA ILUSTRE?

“Gonzalo de Nogueira nace en Tirán a mediados do século XVII. De crego, a súa primeira parroquia foi Santa Comba de Ribadelouro (Tui), onde exerceu ata o ano de 1695. Ostentaba daquela o título de Comisario do Santo Oficio da Inquisición... Entre 1695 e 1700 aparece en Cangas, onde ostenta o importante cargo de prior da colexiata de Cangas, que lle dá dereito a percibir parte dos décimos da colexiata, o que contribúe a cimentar a súa fortuna personal e elevado prestixio social.
A solvencia de home rico vén apoiada non só pola construcción da capela e adquisición das casas pegadas ó hospital senón polo feito de que nun ano (1704) logrou comprar en Tirán, Darbo e Coiro 70 ferrados de terra así como mercar censos (rendas por préstamos perpetuos) por valor de 585 ducados.
Cando casou a súa sobriña con don Pedro Cacharro, rexedor da vila, deulle como dote matrimonial 500 ducados e mais outros bens raíces que tiña en Tirán e Vilela.
Outro dos seus herdeiros foi Antonio Zabala, casado con Cristina Antonia Bermúdez, que herdaran as casas que tiña en Tirán. Estes parentes declararán en 1749 que don Gonzalo adquirira dous formais de casas con balcón de pedra na rúa da Calzada (estas casas ían dende o antigo hospital ata a rúa Real de hoxe).
A partir de 1704 fíxase como meta primordial perpetuar seu paso nesta vila mediante a reconstrucción do vello e desaparecido Hospital cunha nova capela... A nova capela foi iniciada en 1711 e rematada en 1715, tres anos antes do seu falecemento. Co único obxectivo de perpetuar a súa memoria dotou á capela con propiedades e rendas suficientes para que no futuro se fosen acrecentando.
No seu falecemento, ocorrido en 1718, seus albaceas testamentarios abriron unha caixa; no seu interior tiña gardados 30.000 reais de prata (unha casa nesa época tiña un custe de 2000 reais), dos cales 28.600 debían ser destinados a socorro do hospital e os restantes para fondos da capela.
No seu enterro deu mostras de profunda humildade e ampla xenerosidade. Dispuxera que se chamasen ós doce máis pobres da vila (símbolo dos doce apóstolos) para que o levaran a ombros no seu enterramento, e se lles dese a cada un dúas varas de tea para o seu remedio e que ós pobres vergoñentos da comunidade lles deran un real de prata e toda a comida que necesitasen.”

“Historia de Cangas”. Carlos Vázquez Marinelli, J.Moreira e M. Rodal.

No hay comentarios: