“Fai poucos días topei con certo
suxeito que, se hai homes no mundo que merezan a desgracia de ser cregos, el
era un deles.
Se non fora porque xa é algo
vellote, inda valía a pena que gastase uns cantos xamóns en facerse.
Dicíame el para demostrarme que
servía para o oficio:
--Non hai un sequera que saiba
vivir honradamente, isto é, sen que teña que andar na boca de todo o mundo.
Coidan que con comer ben, ter diñeiro bastante e non deixar en paz á muller de
ningún veciño, que xa todo está arranxado. Máis equivócanse moito, pois si
verdade é que levan boa vida, non é menos certo que pouco a pouco van botando a
perder o oficio.
--E entón, ¿como habían de facer
para vivir? ¿Non cobrar un carto a ninguén?
--Home, iso non, porque desa
maneira ¡adeus negocio! O chiste está en limparlle ben a bulsa ós fregueses sen
que eles mesmos se dean conta e sen deshonrar o oficio.
--Pois que me leve o demo si lle
vexo saída a iso que me vas contando.
--Vas verlla agora. Eu había de
chimpar cada domingo un sermón, máis un deses sermóns que poñen os cabelos de
pé ó máis valente. Nunca había de tratar máis que do inferno, pois é o que ten
producido moitos miles de pesos neste mundo. Olla que non hai fábrica que tanto
diñeiro teña dado.
--Boeno, ¿e que habías de dicir?
--Cala, que aí vai un sermón.
“Queridos fregueses e freguesas: que inda eu estoupe, que aínda eu adoeza como
os cans, se hai un entre vos todos que se teña lembrado de morrer. Traballades
e comedes coma bestas, sen sequera vos acordar de que tedes un migallo dunha
alma que pode arder nas caldeiras do inferno calquera día. ¡Ai, desgraciados
labregos, burros de carga...! ¿Para que demo queredes esas veigas que con tanto
cariño traballades? Pensar, desgraciados, pensar que tamén sodes de Dios como
os cans e como a xente, e que algún día habedes de dar contas. ¿Vos sabedes
como está feito o inferno...? ¡Que habedes de saber vos, larpeiros, que habedes
de saber vos! Fogueiras de lume por aquí, fogueiras de lume por alí, fogueiras
de lume por acolá; neste lado demos con ganchas moi longas; naquel outro, demos
con ganchas tamén. E todos estes demos con cornos moi grandes na testa, ¡máis
que cornos, fregueses, que cornos...! ¡Ai si souberades ben o que é o inferno!
Por esta banda ven un demo cos dentes arregañados e botando lume polos ollos e
espétavos un corno; por acolá ven outro demo correndo e botando lume e mállavos
co rabo nos fociños; por estrouta banda ven outro demo coas ganchas e lévavos
para as caldeiras. E alí non vale queixarvos nin ir dar parte ó xulgado como
facedes aquí; alí hai que roelas e calar. E pois, ¿que coidades? ¿Que alí
podedes ferrarlle cun sacho na testa a calquera como facedes aquí entre vos?
Pois estades moi enganados.
E só vos queda un remedio. Vender
canto tedes ata quedar sen camisa, que tampouco Cristo a tiña cando naceu e
máis era un santo. E o diñeiro que de todo poidades facer, traéreno para a casa
de Dios; máis non o empreguedes en catro zarapalladas como hábitos, pernas de
cera e caixóns de defuntos, que todo iso non presta para nada e apodrece aí, na
tribuna. Todo sirve, todo é bo para gañar o ceo; pero así e todo hai cousas que
teñen preferencia, tales como xamóns, galiñas, carneiros, becerros, diñeiro
para misas e xugadas de bois. Ovos non traiades que ó mellor saen chocos.”
E con este sermón tódolos
domingos e días de festa, á volta de dous meses, era dono da parroquia.
Non, sermón que tanto medo me
puxese, na miña vida cho ouvín. Cando comezaches a falar das fogueiras, dos
demos e dos cornos, os cabelos puxéronseme de pé.
--Pois para que vexas. ¿A que
tamén xa estabas capaz de darme algo?
--Estaba, por certo; capaz de
darche con este sacho na testa.”
Rogelio
Rivero: “Fungueirazos”