viernes, 7 de junio de 2013

Preutopía




“A  Renda Básica é un concepto moi sinxelo. Consiste no dereito que ten cada cidadán a percibir unha cantidade periódica para cubrir as súas necesidades materiais, sen ningunha condición que as limite. É dicir, unicamente polo mero feito de nacer, pola singular razón de existir, a sociedade está obrigada a proporcionar a cada ser humano os medios materiais que garantan o benestar social que necesita para sobrevivir con dignidade. Esta cantidade irá: a) a cada persoa individualmente e non as familias; b) será independente de calquera outro ingreso que se perciba; c) sen a necesidade de ter un emprego asalariado, un emprego anterior, nin tampouco estar obrigado a aceptar un emprego se lle fose ofrecido.[…]




A vantaxe principal da Renda Básica reside na seguridade e liberdade que proporciona a todos os cidadáns saberse acredores a unha renda que garanta que as súas necesidades materiais máis elementais van quedar cubertas permanentemente. E que esta lles é debida por un dereito de cidadanía, independentemente de calquera outra circunstancia. […] O cal suporá un incremento da liberdade real das persoas. […]


Como sinala E. Van Parijs, así a persoa “é realmente libre en oposición precisamente a ser formalmente libre, na medida en que se posúen os medios, non só o dereito para facer calquera cousa que un puidese querer facer”. A Renda Básica asegura ás persoas un mínimo de subsistencia que lles permite escoller entre traballar ou non e, polo tanto, permite unha mellor planificación persoal da vida.[…]

 
    A cantidade a percibir polos cidadáns será equitativamente a mesma para todas as persoas, con total independencia da idade, os ingresos, o xénero, etc. E a contía a percibir que propoñemos será, como mínimo, a definida polo limiar da pobreza, equivalente ao 50% da renda per cápita.[…]

Non obstante, non todas as necesidades se resolven a nivel individual, senón que requiren a existencia de bens colectivos (por exemplo sanidade e educación públicas). Por iso, a nosa concepción da Renda Básica supón reforzar tamén a provisión destes. Con este obxectivo proponse que, das achegas totais dedicadas ao Fondo de Renda Básica, se dedique unha parte á satisfacción das necesidades colectivas en lugar de á distribución individual.[…]

 


En Alaska, unha parte do valor da explotación petrolífera está dedicada a dar unha Renda Básica á poboación residente.[…] Dende 1951, Canadá, mediante o programa de seguridade social para a terceira idade, paga unha pensión universal a todas as persoas a partir da idade de 65 anos, e sen máis condición que ser cidadán canadense ou residente legal (trátase dunha medida parcial en canto que introduce unha limitación por idade). […] No País Vasco o parlamento aprobou a Carta de Dereitos Sociais, na cal garante unha renda mínima mensual do 75% do Salario Mínimo Interprofesional a todas as persoas maiores de 25 anos dende o 2001.[…]
   


A Renda Básica supón unha rede de seguridade que permite ao cidadán e ao traballador defenderse mellor da continxencia dun despedimento libre e gratuíto; da arbitrariedade e a incerteza que a patronal exerce a través dos contratos temporais, e tamén lle proporciona unha maior capacidade para negociar colectivamente niveis salariais, condicións de traballo, vacacións, horarios, mobilidade xeográfica, flexibilidade e demais factores do mercado de traballo.[…]


Así mesmo, a Renda Básica aplicada como dereito cidadán, mellora as posibilidades de desenvolvemento das mulleres ao facer posible a súa independencia económica a todos os niveis. A Renda Básica fomentará a igualdade da muller e o home no mercado de traballo.[…]

   


Nas sociedades desenvolvidas, opulentas, chegou a hora de que o traballo asalariado, individualmente considerado, deixe de ser a base e a obriga da supervivencia material de cada cidadán. Como tamén chegou o momento de deixar de identificar a responsabilidade social e cidadá co feito de ter un traballo asalariado. En lóxica, nin o traballlo asalariado necesariamente representa un orgullo de ser útil á sociedade, nin tampouco que se haxa que continuar flaxelando co traballo para redimirse do pecado orixinal. A libre vontade de considerar o traballo, ou a actividade laboral, como fonte de mortificación e explotación persoal debe quedar reducida exclusivamente á decisión persoal de cada cidadán.”






José Iglesias Fernández: “Que é a Renda Básica das Iguais?”

No hay comentarios: