domingo, 12 de febrero de 2012

A praia do Con



"Atopábase no peirao adxacente á praia dos Cons, xusto na punta, onde o faro vermello e branco repintado centos de veces se ergue sobre unha pequena explanada deserta do rompente de pedra e algas creado para frear o condenado vento do suroeste, lugar de bicos de noivos en coches embafados nas noites de inverno. O día era brillante e puro, límpido ata a dor, un día de verán. A súa idade fantástica era duns quince anos e levaba como única indumentaria un pantalón azul mariño curto, preparado para o baño. Atopábase de pé, sentindo o seu corpo cheo dunha forza e vigor potentes, sendo consciente do seu perfecto estado físico. Permanecía inmóbil mirando o mar e notando que o tempo non transcorría coma sempre, de forma pesada e monótona, non, ese día o tempo fluía, coa mesma facilidade e mestría coa que as gaivotas que, planeando, domaban a brisa calorosa adornando o ceo intensamente índigo." (...)


"Non tiña medo, nin da altura á que se encontraba nin do outrora fero mar, limitábase a observar o admirable espectáculo que se lle presentaba: a paisaxe verde e frondosa dos montes de suaves curvas, a transparencia das augas das praias douradas, o faro brillando de blanco no medio do azul, os bloques de bateas aliñadas no medio da ría, as sombras que as nubes algodoadas proxectaban sobre os conxuntos de casas da vila. Todo era perfección e placidez."




Juan Parcero : “Sangue no ollo”

No hay comentarios: