Tirán, a mellor paisaxe fotográfica
A Escola de Imaxe e Son estivo onte na zona
Unha vintena de mozas e mozos participaron onte nun roteiro para fotografar Tirán.
Os alumnos da Escola de Imaxe e Son de Vigo, grazas á colaboración da concellería de Medio Ambiente e Mar de Moaña, visitaron onte a vila co fin de levar a cabo unha sesión fotográfica de todo o litoral da parroquia de Tirán, por ser un dos espazos máis singulares do interior da Ría de Vigo.
A actividade comezou ás dez da mañá e rematou a medio día, tempo no que se realizaou un roteiro pola costa e pasando por lugares históricos como a igrexa románica da parroquia, os miradores naturais do Fiunchal e A Mona e observando toda clase de fauna típica da zona.
Tirán é a parroquia moañesa con maior número de peiraos e pode presumir de contar con pequenas caliñas paradisíacas, todavía sen masificar. Grazas a esas características Tirán foi o lugar escollido pola Escola de Imaxe e Son de Vigo para realizar un obradoiro práctico de difusión dos principais atributos dun espazo singular do corazón da Ría de Vigo.
Unha vintena de mozas e mozos realizaron onte un roteiro pola costa da parroquia moañesa, para o cal contaron coa colaboración da concellería de Medio Ambiente e Mar de Moaña, responsabilidade do edil Daniel Rodas, que acompañaou ós alumnos durante a actividade.
Comezaron no areal de O Con, que conta con bandeira azul, e de alí, a través do camiño da Masandía, chegaron ó interior de Tirán, percorrendo os roteiros que bordean a costa e fotografando lugares tan emblemáticos como a igrexa románica, o cemiterio ou a cova da Londra, famosa na vila pola lenda que agocha no seu interior.
Ademais, os xóvenes puideron desfrutar das belas paisaxes dos areais e calas escondidas, nas que habitan cetáceos e aves migratorias de todo tipo, que utilizaron para experimentar cos zooms, angulares, telex, liñas de horizonte...Despois de varias horas de excursión e con un gran número de instantáneas realizadas dende os miradores naturais do Fiunchal ou A Mona, os mozos e mozas, acompañados polos seus titores e o edil de Medio Ambiente, fixeron unha parada para repoñer forzas e intercambiar opinións sobre a xornada.
Os 21 xoves fotógrafos, moitos deles da comarca, remataron orgullosos do traballo realizado. Segundo explicou Daniel Rodas horas máis tarde, vaise estudar a posibilidade de utilizar as fotografías feitas polos alumnos para crear unha exposición, que posiblemente se ubicará na Casa da Mocidade de Moaña. Con ela amosarase o potencial dos xóvenes estudantes e, ó mesmo tempo, a beleza de Tirán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario