viernes, 20 de junio de 2008

Poema de Bernardino Graña

Alá, en Tirán, o Outono era ben doce.
Cantaba unha bubela e algún xílgaro,
sentíase o loureiro coma encenso,
sagrado abraio no aire e, entre as ponlas,
murmurios silandeiros coma pregos,
cadencias garimosas e pequenas
entrando polas veas deica a alma
cun son ceremonial.


Non máis que unha gaivota ou algún corvo
botaban forte a queixa cara á altura,
e era pregunta todo, lene espera,
humilde declinar.


Alá, en Tirán, por Cangas, xunto a Moaña,
os pasos eran case un sacrilexio
e as follas polo chan salmodia e templo
dun intre meditante no repouso
por terra e aire e mar.


As voces coma as nubes redondeábanse,
vestíanse dun ouro vello todo,
queríase chuvisca e mais semente
nos sucos pra mañá.

1 comentario:

Ana dijo...

Bonito poema que nos lleva a úno de los paisajes más bellos de nuestra geografía.